Friday 17 de May de 2024

Camariñas inicia o plan para destacarse como o ‘paraíso’ dunha ruta alternativa do Camiño da Resurrección


Hoxe tivo lugar a presentación do libro ‘El Camino de Santiago y el Juego de la Oca’, de Sebastián Vázquez, onde se detalla este itinerario.

Hoxe o Concello de Camariñas deu o primeiro paso do seu plan para destacar Camariñas como a etapa final, ou o ‘paraíso’ dunha ruta alternativa do chamado Camiño da Resurrección. Fíxoo coa presentación do libro ‘El Camino de Santiago y el Juego de la Oca’, de Sebastián Vázquez, onde se detalla este itinerario.
O acto tivo lugar no Museo do Encaixe de Camariñas e, ademais do autor, asistiron a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e a alcaldesa do Concello de Vimianzo, Mónica Rodríguez, xa que esta ruta alternativa tamén implica o paso do peregrino por Cereixo.
“Damos o primeiro paso dun camiño que consideramos que pode ser moi ilusionante para Camariñas e que supón unha importante aposta por parte do goberno local a curto, medio e longo prazo”, destacou Sandra Insua antes de recalcar que “o noso obxectivo non é ser fin do Camiño, só queremos ver a posibilidade de destacarnos como un destino especial dentro deste itinerario que permitirá ao peregrino chegar ao ‘paraíso’, que sería Camariñas, e completar así a súa experiencia vital, a base do
Camiño”.
A rexedora aproveitou para anunciar que “cremos firmemente nesta teoría e queremos apoiala en todos los sentidos e a todos os niveis. O noso obxectivo é, pouco a pouco, darlle forma, difundila e poder presentarlle ao peregrino unha alternativa espiritual e cultural no seu itinerario con Camariñas como última etapa. Desde xa comezaremos a traballar entre todos para que isto sexa unha realidade e poder dotar ao noso pobo dun atractivo turístico máis aos moitos cos que xa conta”.

Pola súa parte, Mónica Rodríguez salientou a experiencia que vivirá o peregrino ao seu paso por Vimianzo “onde atopará a Traslatio de Cereixo, un episodio moi importante para o noso municipio e para Galicia porque ademais só hai outros tres casos: unha moeda atopada no Grove e dúas representacións máis en Lérida e Navarra”.
Na súa intervención Sebastián Vázquez argumentou de xeito esquemático a teoría que expón no libro xunto coas claves que fan pensar que a ermita da Virxe do Monte é a fin do Camiño da Resurreción e incidiu en que “todo el Camino está construido en base a leyendas y mitos, que siguen vivos y creo que hay argumentación para decir que estamos en el paraíso”.